jueves, 5 de diciembre de 2013

DEMOSTRACIÓNS GRÁFICAS: ENTREVISTA A JAVIER FERNÁNDEZ CARRERA "PINTUREIRO"


Publicamos esta breve entrevista ao autor que terá o pracer de inaugurar o noso ciclo de Masterclass que lanzamos baixo o título de "DEMOSTRACIÓNS GRÁFICAS" o vindeiro 14 de decembro,
dentro das actividades que Demo programará na súa nova tenda efémera.
Aínda temos aberto o prazo de inscripción para asistir a unha clase de xornada completa (xantar incluído) onde con Pintureiro, profundizaremos no mundo da ilustración dixital avanzada.
Podedes infoirmarvos en: demo.editorial@gmail.com

O autor madrileño e afincado en A Coruña, viu publicado o seu álbum de pin-ups, "Rapazas" demostrando ser un dos grandes especialistas españoles neste campo profesional. Ademáis ten traballado para as mellores empresas de publicidade e editoras estatais; realizando story-boards, cartelísmo ou libros de texto entre outros.


—En que ano comezaches a exercer profesionalmente, e como cambiou para ti o teu sistema de traballo técnico desde entón?
—En 2001, hai doce anos. Desde entón, os avances tecnolóxicos téñenme facilitado moito o traballo. Cambiei o taboleiro de debuxo pola Cintiq, e, grazas a internet, acabouse buscar a documentación en revistas e enciclopedias, ou enviar cedés co traballo escaneado por mensaxería.

—No que respecta ás condicións laborais, cal é o mellor mercado ou especialidade da ilustración no que tes traballado?
—O mercado máis rendible, para min, é o da publicidade (aínda que tamén é o máis esixente). Por outro lado, hai editoriais que compensan os pagamentos menos cuantiosos cunha maior flexibilidade no referido ás datas de entrega.

—Que é o que máis che molesta profesionalmente que che diga un cliente?
—Que se vai atrasar no pagamento.

—Que esperas das novas xeracións de autores, e cal é a primeira mensaxe que lle transmitirías a un autor que está comezando?
—As novas xeracións de autores están moi ben preparadas no aspecto técnico. Espero delas que saiban valorarse a si mesmas á hora de negociar coas empresas de publicidade, editoriais, etc. Dáse a circunstancia de que, ao comezar a súa carreira, hai quen pensa que non debería cobrar tanto como un ilustrador máis veterano, cando o traballo que vai realizar é o mesmo. Pódese facer mellor ou peor, máis rápido ou máis lento, pero non máis barato. Gratis (ou a cambio de promoción), nunca. O meu consello sería que buscasen darse visibilidade tamén no estranxeiro. No noso caso, pódese emigrar «on-line», sen saír da casa.

—Cal é o traballo que che encantaría facer e aínda non fixeches? (tanto se é de encargo coma un proxecto propio).
—Deseñar unha pin-up para a súa modelaxe, sexa en 3D ou como figuriña esculpida.



—Como está afectando a crise ao sector gráfico, e que medidas cres que se deberían tomar desde o colectivo profesional?
—Reducíronse tanto a cantidade de traballo como as tarifas, que xa levaban anos estancadas. Aínda que as distintas asociacións profesionais se fan eco da problemática do noso sector (http://observatoriodelailustracion.org/about/), evitar que a precariedade se perpetúe é unha tarefa individual; debemos ter presentes os prezos pre-crise, para cando esta pase.

—Existe a intrusión laboral ou crees que calquera é libre de facer o que poida para gañar a vida nos tempos que corren?

—Ambas as dúas cousas. En todos os traballos existe a figura do «familiar/amigo/veciño que cho fai máis barato», e, desde logo, teñen dereito a gañar a vida como boamente poidan. Non gusto do termo intruso, aplicado a unha actividade artística.

—Cales son as túas novas metas como autor?
—Agora estou enfocándome máis cara á ilustración de fantasía e ciencia ficción.

—Algunha ferramenta técnica que non exista pero ti xa teñas en mente?

—Non sabería dicirche… Un afialapis láser?

Preme abaixo se queres velo programa:

PROGRAMACIÓN E TEMARIO DE "DEMOSTRACIÓNS GRÁFICAS"

lunes, 2 de diciembre de 2013

DEMOSTRACIÓNS GRÁFICAS (Primeira Edición)

Ola a todos/as, anunciamos a primeira edición dos nosos ciclos de Masterclass que levaremos a cabo no aula de Demo editorial en A Coruña. Para inscripcións ou calquera consulta podedes poñervos en contacto no noso habitual enderezo de correo: demo.editorial@gmail.com.





viernes, 22 de noviembre de 2013

DEMO EDITORIAL E PLANETA MINCHA ABRIRÁN UNHA TENDA SEN PRECEDENTES

SERÁ UN PROXECTO SEN PRECEDENTES, UN NOVO CONCEPTO DE NEGOCIO, A PRIMEIRA TENDA EFÉMERA. 
Así o declara o cónsul do Planeta Mincha e director de Demo, Manel Cráneo.


O vindeiro venres 13 de decembro abrirá a tenda oficial de DEMO EDITORIAL en A Coruña. Pero iso non é todo, Demo asinou unha alianza có Ministerio de Ciencia do Planeta Mincha para compartir esta tenda có consulado de dito planeta na Terra. O consulado venderá souvenirs do seu planeta nun intento de facer promoción cultural e turística do mesmo. Existe vida extraterrestre? Xa tedes a resposta.

UNHA MORTE ANUNCIADA
Segundo conta Cráneo: "DEMO EDITORIAL e PLANETA MINCHA CONSULADO XÖP, non vai ser unha tenda ao uso. En principio a idea non é adaptarse ao sistema comercial senón máis ben adaptarse ás propias necesidades do noso proxecto e filosofía de vida, algo que nace nuns tempos onde o sistema capitalista e comercial está demostrando ser un gran fiasco e polo tanto un gran fracaso."
Por esta razón, o Cónsul do Planeta Mincha e director de Demo Editorial, anunciará a data de clausura da tenda o mesmo día da súa inauguración. Todo isto dentro dunha extratexia extraterrestre que nace como alternativa ao típico negocio terrestre de toda a vida. 
"Non queremos morrer con isto, temos moitos proxectos máis en marcha. Esta tenda imos matala nós mesmos antes de que a destrúa o sistema", puntualiza Cráneo; "En calquera caso somos quen de matar e resucitalo noso propio proxecto as veces que estimemos oportuno."

REFERENZAS DA TENDA
Na tenda haberá produtos propios da editorial e do Planeta Mincha, e en moitos casos exclusivos, xa que o público atopará pezas únicas que non están á venta en ningunha outra parte do globo terráqueo. 
Os clientes que se acheguen poderán levarse a casa, ademáis de publicacións, pezas de arte ou artesanía do Planeta Mincha, cadros, figuras en volume, peluches, chapas, láminas e en xeral autoprodución da empresa Demo e da marca Planeta Mincha. 

DINAMIZACIÓN DO ESPAZO OU GALAXIA
Será un espazo divertido, diferente e innovador. Un proxecto onde durante o seu tempo de apertura haberá momentos tanto para o disfrute dos propios clientes como do sector profesional.
En breve, faráse unha programación onde haberá lugar para presentacións, tertulias, obradoiros, encontros con lectores ou masterclass con ilustradores profesionais da banda deseñada e a ilustración.

Estade atentos. Nos vindeiros días chegará nova información sobre este particular proxecto.


martes, 12 de noviembre de 2013

PRESENTACIÓN Y EXPO "A TORRE DOS MOUROS" EN BIBLOS (BETANZOS)


O proxecto "A torre dos Mouros" continúa a súa andadura despoís de máis dun ano en funcionamiento. Este venres a libraría, e centro de cultura, BIBLOS, en Betanzos, acollerá a mostra e presentación desta bd que recolle os resultados dun proxecto arqueolóxico distinto no seu tratamiento e contidos. No acto contaremos có director arqueolóxico da excavación, Antón Malde, có responsable de comunicación do proxectro, Manuel Gago, e có autor e editor da bd Manel Cráneo.

Aproveitando a presenza de Gago e Cráneo, presentarase tamén o libro "Vento e Chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia", escrito polo primeiro e ilustrado polo segundo. Unha obra de alto interese e excelente acollida que se venderá en exclusiva este venres en Biblos e será distribuída no resto de librarías galegas a partir do vindeiro día 18 de novembro.

Xa sabedes, este venres non faltedes a esta doble presentación con exposición incluída. Será un pracer contar con vós.

miércoles, 23 de octubre de 2013

VOLTA "A FRAGA MILMAÑAS" DA MAN DE DEMO EDITORIAL

Demo Editorial publicará a finais de decembro "A FRAGA MILMAÑAS" con guións de Carlos Amil e deseños de Manel Cráneo. O album comprende unha selección de historietas curtas de entre unha e dúas páxinas, que foron publicadas en "Golfiño" durante as dúas épocas que a revista se mantivo no mercado. Primeiro da man de Edicións Xerais (1999-2000) e logo como suplemento dominical do diario La Voz de Galicia (2002-2004).
A Fraga Milamañas é unha serie que foi moi ben valorada no seu momento polo bo manexo da matelinguaxe do cómic que fan amosan nas súas páxinas os seus autores. Os personaxes principais, Fonsa a raposa e o lobo Ferocio,  artellan en cada historia desta serie, as súas artimañas para sobrevivir nunha fraga onde calquera cousa é posible.
Con este lanzamiento, Demo Editorial, pretende achegarse ao público infantil recuperando esta serie que tamén fara as ledicias dos pais, especialmente os da nova xeración que tiveron a oportunidade de leela serie no seu momento.



lunes, 21 de octubre de 2013

PRESENTACIÓN DE "OPERARIO" EN BANDA DESEÑADA (VIGO)


O vindeiro venres, Jano asinará exemplares en BANDA DESEÑADA en Vigo a partir das 18:30h. Para esta ocasión, agasallaremos cunha lámina a cada lector que se leve o álbum.
NON FALTEDES!

viernes, 11 de octubre de 2013

"OPERARIO" DE JANO, ATERRIZA EN SANTIAGO O VENRES 18 DE OUTUBRO

"Operario", do veterano autor Jano, inicia con esta actividade o seu tour de presentacións para o que xa temos fixadas máis datas  nas seguintes semanas.
Repartiremos 2 posavasos de "Operario", tamaño chupito a cada asistente e contaremos coa presenza de Jano asinando exemplares. Poderedes estrear alí o posavsos degustando un licor café.
Non deixedes de ler esta obra que supón un frio retrato da sociedade humana e o sistema social.
Unha sinxela, e nada pretenciosa, bd muda que te deixará sen palabras!!



martes, 17 de septiembre de 2013

ESCAPADA AO PLANETA MINCHA


"Escapada ao Planeta Mincha de Manel Cráneo" é unha expo que só poderedes ver durante esta semán na Fundación Luís Seoane, dentro das actividades do Freakemacine A Coruña. WARNING! o lampönak é moi perigoso, non vós acheguedes moito se pasedes a por alí! 
Máis info no blog do autor.

sábado, 3 de agosto de 2013

ACTIVIDADES DEMO EDITORIAL NO VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2013

Anunciamos o noso calendario de actividades para este VIÑETAS 2013, que celebraremos no noso stand e na carpa da Rúa da BD. Entre elas, a presentación en exclusiva en A Coruña dos nosos últimos títulos para o que contaremos coa presenza de tódolos autores. Esperámosvos do 1 ao 11 de agosto, con todo o catálogo de Demo Editorial e a marca Planeta Mincha, de Manel Cráneo, no stand nº 13 da Rúa da BD.



E con calquera compra, 1 marcapáxinas a elexir e un cartel A/2 de "A torre dos Mouros" GRATIS!! 

Nos próximos días anunciaremos algunha sorpresa máis!! :-)


PRESENTACIÓNS NA CARPA DA RÚA DA BD

XÓVES, 8 DE AGOSTO, ÁS 13:00H.
“CASTELAO 3. MÁIS ALÁ!” 
DE IVÁN SUÁREZ E INACIO VILARIÑO

VENRES, 9 DE AGOSTO ÁS 13:00H.
“OS DÍAS DO COMETA” 
"O FILLO DA FURIA"(2ªEDICIÓN)
DE MIGUEL FERNÁNDEZ E MANUEL L. POY 

SÁBADO, 10 DE AGOSTO ÁS 13:00H.
“OPERARIO” DE JANO

SESIÓNS DE SINATURAS NO STAND DEMO EDITORIAL

MÉRCORES, 10 DE AGOSTO 
19:00H. MANEL CRÁNEO

XÓVES, 8 DE AGOSTO
 19:00H. IVÁN SUÁREZ E INACIO VILARIÑO
21:00H. JANO

VENRES, 9 DE AGOSTO 
19:00H. MIGUEL FERNÁNDEZ E MANUEL L. POY 
21:00H. JANO

SÁBADO, 10 DE AGOSTO 
19:00H. JANO

viernes, 12 de julio de 2013

DEMO NO 16º SALÓN DO CÓMIC E A ILUSTRACIÓN DE CANGAS

Fantástico cartel do noso amigo José Domingo para o "Salón do Cómic e a Ilustración de Cangas" deste ano, no que estaremos presentes con stand da nosa editorial e cunha expo de Planeta Mincha de Manel Cráneo, que xunto a David Lafuente e Marina Seoane será un dos convidados oficiais. Esperámosvos!