viernes, 11 de julio de 2014

NOVIDADE: NACHO CAMACHO de Rodrigo Cota e Jano


Jano regresa a Demo Editorial para traernos da man do excelente guionista Rodrigo Cota o que será a nosa segunda novidade para presentar durante a feira do Viñetas desde o Atlántico 2014. 

Nacho Camacho é ante todo un home dos de sempre, e está orgulloso de selo. Macho alfa contemporáneo, cachas de ximnasio, materialista ata a medula, adora o seu ídolo Clint Eastwood, seguramente porque aínda non coñece a Vin Diesel. A vida de Nacho sería perfecta se non fose por un pequeno problema que ten na súa propia casa: o seu fillo pre-adolescente, Junior, é homosexual.

Jano e Rodrigo Cota ofrecen unha obra humorística que ridiculiza de xeito directo e sen complexos unha sociedade machista que sucumbe ante a chegada de novos conceptos para entender a vida baseados nas liberdades individuais e de expresión.

Un álbum transgresor e indispensable para derribar con bo humor a fachada do mundo virtual que nos envolve.

Aproveitamos para lembrar que Jano será un dos convidados oficiais desta edición do Viñetas desde o Atlántico. 


NACHO CAMACHO
Rodrigo Cota / Jano
Colección Demográfica nº2
52 páxinas (Con making off)
Cor
14 x 21 cm
Rústica con lapelas

P.V.P: 11,50 €

Outras obras de Jano publicadas por Demo Editorial:

OPERARIO
Jano
Colección Demográfica nº1
52 páxinas
Branco e negro
14 x 21 cm
Rústica con lapelas

P.V.P: 10 €

martes, 1 de julio de 2014

A CAUSA DO CRIME, DE TOKIO



Anunciamos a nova obra de Tokio, que chegará ao mercado a primeiros do agosto da man de Demo Editorial. 
Tokio, autor de banda deseñada e biólogo mariño, asina unha obra de ficción de importante carga política, que publicou inicialmente por entregas en 1987, no xornal A Peneira. Recuperada agora con nova aparencia gráfica e argumento ampliado, supón unha ollada xenuína ás inquedanzas de boa parte da sociedade galega dos oitenta. A historia, protagonizada por unha muller, inclúe temas como os movementos sindicais, o terrorismo e a corrupción política dos anos oitenta, coa banda sonora da Movida viguesa de pano de fondo.
O álbum conterá un enlace a Spotify e referencias dos temas musicais que inspiraron o autor para a realización do álbum.

A CAUSA DO CRIME
Autor: Tokio
50 páxinas
Branco e negro
Rústica con lapelas de 7 cm
P.V.P: 12 €

SINOPSE
Vigo, 1984. Xusto antes da primeira folga xeral galega, a explosión dunha bomba durante unha entrega de premios oficial levanta as sospeitas da policía sobre Alba, que está a traballar nese momento no lugar dos feitos. Para demostrar a súa inocencia, Alba iniciará a súa pescuda cun veterano sindicalista, e ambos os dous acabarán descubrindo unhas intencións moi distintas ás das investigacións policiais.