viernes, 31 de julio de 2015

ACTIVIDADES DE DEMO EDITORIAL NO "VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2015"



Adiantamos a programación de actividades que temos preparado desde Demo Editorial para dinamizar a nosa presenza na Rúa do BD durante o "Festival Viñetas desde o Atlántico" que se celebrará entre o 10 e o 15 de agosto. Este ano contaremos coa presenza de Tokio (Cabana de Balieros, A causa do crime), Inacio e Iván Suárez (Colección Castelao), Tomás Guerrero que se estrenou este ano como autor do noso catálogo con A deserción de Stalin, Jano, autor de Operario e Nacho Camacho, este último con guión de Rodrigo Cota, que tamén estará presente no noso stand. Ademáis contaremos coma sempre có propio editor e tamén autor desta casa Manel Cráneo (Os lobos de Moeche, A Torre dos Mouros, A Fraga Milmañas con guión de Carlos Amil, Cousas de Mortos e a súa última novela gráfica Destino Hërgüss).
Esperamos que a nosa proposta sexa do voso agrado.

SESIÓNS DE SINATURAS NO STAND DEMO EDITORIAL

MARTES 11
19:00 Firma Tokio 

MÉRCORES 12
19:00 firma Manel Cráneo

XOVES 13
19:00 Inacio Vilariño e Iván Suárez

VENRES 14 
19:00 firma Tomás Guerrero

SÁBADO 14
19:00 firman Jano e Rodrigo Cota
20:00 firma Manel Cráneo

PRESENTACIÓNS NA CARPA

XOVES 13
13:00 PRESENTACIÓN "CASTELAO nº4. ATILA"
Coa presenza dos autores 

VENRES 14 
13:15 PRESENTACIÓN NOVIDADES COLECCIÓN HÄINÖS 
Coa presenza do editor




martes, 14 de julio de 2015

A COLECCIÓN CASTELAO CHEGA AO SEU MERIDIANO


Moi emotiva a presentación de "Castelao. Atila" onte luns no Museo Ramón Aller Ulloa de Lalín.
Cheo completo de butacas nun acto no que contamos ademáis de coa presenza de Iván Suárez e Inacio Vilariño, autores da obra, coa colaboración dos artistas e actores Rubén Donramiro e Nieves Rodríguez, o músico polifacético Benxa Otero e a inestimable presenza dos nosos compañeiros de viaxe nesta colección biográfica sobre Castelao, Komic Libraría.
E por se non fora pouco, o acto completouse coa presenza e conversa que mantivemos con Jose Luñis garcía López, un dos máis veteráns debuxantes de DC, con 40 anos de profesión ás súas costas e que nos honrou coa súa presenza e a súa humildade, un luxo que xamáis esquecceremos.

Con este acto, chegamos ao meridiano dun proxecto titánico para unha editorial pequena e limitada de recursos como é a nosa. Quedan catro novos títulos por diante para completar o soño de Inacio e Iván de facer unha biografía de Castelao en banda deseñada, todo un reto que desde Demo Editorial nos comprometemos a culminar grazas ao enorme esforzo dos autores, grazas á colaboración na edición de de Komic Libraría e neste último número a empresa Limpezas Salgado.
Para pechar queremos compartir con vós o texto que fixeron Manuel e Nieves, do programa especializado en BD Metroples Delirantes, e que leu Nieves no acto a modo de presentación deste  último volume da colección.
GRAZAS A TODOS OS LECTORES tamén polo voso apoio sodes a outra peza.

Nieves Rodríguez, Pio (Komic), José Luís García López, Inacio Vilariño, Iván Suñárez, Manel Cráneo.

En Galiza non se pide nada, emígrase.

Esta é unha das frases de Castelao máis acaídas para estes tempos de miseria moral na política e na economía.

Para a nosa desgraza segue sendo en grande parte, verdade. 

Todos temos alguén na familia que tivo que marchar, ou nós mesmo nalgún momento tivemos que marchar, nestes tempos ese rio volve a ser caudaloso, mais por sorte, agora, tamén hai xente que pide, que protesta. O que acontece é que protesta doutro xeito, protesta creando; creando cultura na nosa lingua, porque tamén dicía Castelao:

…Que se aínda somos galegos e por obra e gracia do idioma. 

Nesta obra que é o relatorio da vida do irmán Daniel hai catro implicados que protestan deste fermoso xeito, por unha banda Manel e Pío que como editores teñen a valentía de apostar por publicar a xente da terra e cunha obra comprometida e arriscada; comprometida coas ideas e a as obras de Castelao e arriscada porque si editar bd xa parece unha tolería, facelo en galego, é cáseque temerario.

E aquí é onde podemos lembrar outra frase de Castelao:

A dominación de Galiza endexamais será efectiva entrementras fale un idioma diferente do castelán.

Hai outras dúas persoas protestando deste xeito tan revolucionario que é crear, e son claro, os autores: Inacio e Ivan.

Dous rapaces novos que recuperan e reivindican a figura do Castelao máis humano, o home que habitaba no corpo do político, pensador e artista.

Ivan e Inacio van erguendo paseniño unha obra fermosa que é un verdadeiro homenaxe ó home, e que repasa acontecementos relevantes na vida de Castelao, vannos achegando a historia dun home que coma un superheroe foi loitando contra unha vida chea de dificultades, a que se enfrontou con resignación pero sen perder nunca a esperanza, nin a ledicia.

Inacio e Ivan, fixeron realidade un sono, contar esta historia, facelo ben, con agarimo e mestría como só poden facer os que aman o que fan ata o punto de entendelo como unha forma de vivir e non só unha forma de subsistir, e ademais facelo na nosa terra e na nosa lingua. 

Castelao tamén ten unha frase para esta actitude:

O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideias en feitos.

Eu non sei como afrontaron este traballo, mais si sei que é un deses traballos que dan vertixe só de pensalo, oito números para contar nunha banda deseñada a vida do máis importante pensador e político galego do século vinte. E facelo en cadriños, debuxando a un home que fixo dos seus debuxos e caricaturas iconas universais.

O que si sabemos xa, é que é unha obra bela e boa e por que non dicilo, barata. (non hai escusa para non mercala).

“Atila”, non hai probablemente titulo que reflicta mellor o que conta este libro, o asoballamento, a humillación e barbarie da guerra. Xa dende a portada o libro é unha xoia, unha perfecta metáfora, que é quen de xuntar o debuxo de Castelao coa propia identidade deste libro, no interior gozamos da calidade gráfica e literaria de dous autores que melloran a cada libro novo, un verdadeiro pracer para os sentidos.

Neste “Atila” imos pasear polas rúas de Barcelona e tamén sufrir os bombardeos da aviación fascista, pechados nun refuxio antiaéreo loitamos co “atila”, participamos da entrevista que Magda Donato lle fixo e tamén dos contos e da retranca e das maduras reflexións que deron pe a “Galiza mártir” e “Atila en Galiza”.

Chegamos con este número o ecuador da serie, e si, tamén hai unha frase de Castelao para este punto: 

Non lle poñades chatas â obra namentras non se remata…

Queda moita vida e moita obra de Castelao por contar, e nós xa andamos ben impacientes por ter nas mas e poder ler a seguinte entrega. É esta unha magna obra que engrandece a bd galega e humaniza o mito.

Xa van alá case oitenta anos dende que Castelao publicara Atila en Galiza e agora publicase este Atila de Inacio e Ivan, unha merecida homenaxe a un home de vital importancia para nós, para a nosa terra e para a nosa cultura.

E xa para ires rematando, vou citar outra frase de Castelao:

Sendo galego non debo de ser máis que galeguista.

Si o camiño ata aquí foi a fermosa consumación dunha esperanza o que queda por andar non pode por menos que ser a materialización dun desexo, imos pasiño a pasiño, mais imos resistindo e reconquistando un espazo noso na cultura. Nestes tempos de desleixo institucional e de decretos inxustos e iñorantes, nós resistimos os furibundos ataques contra ó noso; resistimos creando, facendo libros que afondan na riqueza das nosas letras e dos nosos artistas. 

Porque a verdadeira homenaxe a Castelao non é poñerlle o seu nome a unhas medallas ou a unha rúa, a verdadeira homenaxe é non esquecer o que somos e como chegamos aquí, non esquecer que fomos, somos e seremos un pobo loitador e orgulloso, que somos o único pobo no mundo cunha verba para nos referir o sentimento indefinible que é a morriña, que é, sen dúbida, a peor das condeas que pode vivir un galego.

E xa vou rematar, agradecendolle a Inacio e Ivan por crear esta obra e a Manel e Pio por editala.

E vou rematar como decía, non cunha frase, senón cuns versos de Cabanillas:

¡Morreu do mal dos bós e xenerosos!
¡Morréu de amor a terra! Irman Daniel…
¡Morreu de amor a terra!

jueves, 9 de julio de 2015

CASTELAO: ATILA EN LALÍN O LUNS 13 DE XULLO!!

Non vos podedes perder a fantástica velada que temos preparado en lalín para o vindeiro luns día 13 de xullo, grazas aos autores Inacio Viñariño e Iván Suárez e á colaboración dos actores Rubén Donramiro e Nieves Rodríguez que dramatizarán unha pasaxe da banda deseñada. Ademáis contaremos coa presenza do editor Manel Cráneo e Pio de Libraría Kómic, os noso aliados neste proxecto de colección.
E para colofón a presenza do veterán autor internacional José Luís garcía López, natural de Lalín e afincado en EEUU desde hai décadas. Debuxante de obras como Atari Force, Cinder and Ashe
Road to PerditionDeadman o New Teen Titans , coa experiencia de ter traballado para grandes grupos como DC e debuxado series de clásicos como Batman.
Como vedes un coctktail de luxo e como mínimo sorprendente para un mesmo acto.