O VINDEIRO SÁBADO 21 DE DECEMBRO REMATA O NOSO CICLO COA MASTERCLASS DE FRAN BUENO.
Aínda dispoñemos de prazas libres para a clase maestra dun dos autores galegos con máis proxección internacional dentro do mercado da banda deseñada. Completamos deste xeito o ciclo que exitosamente comezamos o pasado sábado có autor de pin-ups Pinturero entrando desta volta no mundo da narrativa nun medio tan complexo coma pode ser o cómic. Esperámosvos nesta oportunidade especial de ampliar coñecementos cunha das nosas grandes figuras.
—En que ano comezaches a exercer profesionalmente, e como cambiou para ti o teu sistema de traballo técnico desde entón?
—Empecei no 93, pouco despois de rematar Belas Artes. O cambio máis importante, evidentemente, foi a aparición do ordenador, e con el a de internet. O ordenador non mellora o teu traballo, pero dáche máis opcións e comodidade. Internet facilitounos as entregas e o formato dixital permitiu que non tivésemos que preocuparnos pola devolución dos orixinais, cousa que antes era un problema maior.
—No que respecta ás condicións laborais, cal é o mellor mercado ou especialidade da ilustración no que tes traballado?
—Mercado, o francés. Medio, o diario El País, que estivo (só foi unha vez, por desgraza) magnificamente pagado.
—Que é o que máis che molesta profesionalmente que che diga un cliente?
—O máis molesto é cando alguén que descoñece por completo o noso medio pretende facerche encargos como quen che fai favores.
—Que esperas das novas xeracións de autores, e cal é a primeira mensaxe que lle transmitirías a un autor que está comezando?
—Espéroo todo. Estou convencido de que van ser marabillosos, porque se hai algo para min incuestionable é que a creatividade xamais está en crise. A xente con talento, con ganas de traballar e de comer o mundo aparece todos os anos, incluso os bisestos.
Mensaxe para autor incipiente? Estamos no mesmo barco. Eu creo que vou ser incipiente polo menos ata os 80. De todos os xeitos, compañeiro/a, isto é o que penso: se é o que queres e o que che gusta, valora o teu traballo, traballa sempre e non te desanimes nunca.
—Cal é o traballo que che encantaría facer e aínda non fixeches? (tanto se é de encargo coma un proxecto propio).
—Creo que, por encargo, debuxar Superman. Como proxecto propio, sempre o próximo, claro.
—Como está afectando a crise ao sector gráfico, e que medidas cres que se deberían tomar desde o colectivo profesional?
—Realmente non sei se a crise está afectando ao noso sector; desde logo, non é o meu caso. Colectivamente penso que debemos facernos visibles como profesionais serios e necesarios, ao mesmo tempo que facemos presión e educamos para evitar abusos.
—Existe a intrusión laboral ou crees que calquera é libre de facer o que poida para gañar a vida nos tempos que corren?
—Creo que existen casos particulares, e de cada un debemos opinar con coñecemento de causa. En calquera caso, non estou a favor do capitalismo salvaxe; antes ben, dunha regulación solidaria e unha ética (profesional e persoal) que inclúe non enganar a ninguén nin provocar ou aproveitarse de situacións que poidan prexudicar a terceiros.
—Cales son as túas novas metas como autor?
—Como di Buzz Lightyear, «ata o infinito e máis alá». Teño algúns proxectos en carteira, pero prefiro non falar deles ata que estean máis avanzados (agora poño o maimiño na comisura do beizo e fago: hi, hi, hi...). E cando chegue aos 80, quero debuxar como Franquin, Uderzo, Moebius, Steve Rude, Adam Hughes, Mike Mignola, Darwin Cooke, Milt Kalh, Blutch, Alberto Breccia, José Muñoz, Hugo Pratt, Jon Klassen, Paul Felix, Sean Phillips e Sean Murphy todos xuntos, pero mellor.
—Algunha ferramenta técnica que non exista pero ti xa teñas en mente?
—Un trebello que teña aspecto e peso de caderno pero que funcione como un ordenador e unha Cintiq á vez. Tamaños A3, A4 e A5. 1000, 700 e 400 euros respectivamente. Creo que xa lle falta pouco, aínda que se cadra para os prezos algo máis.
—Es o gañador da última edición do Premio Castelao de BD que convoca a Deputación da Coruña. Pero antes houbo moitas outras mencións nos anos que levas traballando. Que opinión che merecen os premios e como están organizados?
—Os premios Castelao teñen algo moi positivo, que é o compromiso de publicación. Aínda así hai moitas cousas mellorables —e que forman parte da idiosincrasia do noso país, me temo— que non quero resaltar aquí por non aburrir nin gastar tinta de máis, que hai moita crise. En canto aos premios de cómic en xeral sufro un pouco co agravio comparativo. Gran cantidade de premios de igual ou menor repercusión en disciplinas como a pintura, a fotografía ou a novela están moitísimo mellor dotados economicamente. O que se chama o quid do premio, oes!