jueves, 27 de junio de 2013

DEMO EDITORIAL ESTARÁ EN HOBBYCON E NO SALÓN DE CÓMIC DE CANGAS

MANEL CRÁNEO ESTARÁ PRESENTE EN AMBAS CITAS CON "PLANETA MINCHA"


Os lectores e amigos de Demo Editorial, tedes dúas citas este mes de xullo.

HOBBYCON (4 a 7 de xullo en Palexco, A Coruña)
A nosa editorial terá presenza na primeira edición do HOBBYCON, nova cita na cidade de A Coruña que promete convertirse na primeira experiencia de multisalón en España. O evento fusionará 4 tipos de feira: Cómic, Manga, Ciencia ficción e videoxogos. Para esta cita sen precedentes preparamos as seguintes actividades en colaboración con Hobbycon:

- Stand de demo Editorial e da nosa marca "Planeta Mincha", de Manel Cráneo. Onde poderedes adquirir publicacións de Demo Editorial e tamén de Planeta Mincha e o seu particular "minchandising".

- Presentaremos a nosa colección de ciencia ficción HäinöS de bd de ciencia ficción e mundos fantásticos.

- Exposición de orixinais de "Sálpock 1. O Val dos Cegos" de Álvaro López e Luís Sendón.
21 pezas de making off da obra.

- Partida de rol en directo, baseada no cómic "Sálpock, o Val dos Cegos" dirixida polo master Álvaro López.

- Sesións de sinaturas con algúns dos nosos autores no noso stand e outras sorpresas que iremos anunciando nos vineiros días.

Ademáis, estade atentos ao noso facebook, faremos sorteo de entradas desde hoxe mesmo!!

SALÓN DE CÓMIC DE CANGAS (22 a 28 de xullo, Cangas do Morrazo)
Outra cita indispensable da BD na que participaremos do seguinte xeito:

- Stand de venta da editorial durante toda a semán.

- Exposición de "Planeta Mincha Tour" de Manel Cráneo, convidado oficial nesta edición. A súa mostra acollerá unha escolma de 30 obras. Ilustracións da serie "Diario de Pichük, editada por Everest, da serie de bd "Planeta Mincha Estudos Xeográficos, e outras pranchas e traballos inéditos encaixados dentro do seu universo particular "Planeta Mincha", do que en breve veremos cousas publicadas en Demo Editorial.

Ademáis o autor participará xunto a Marina Seoane e Horacio Altuna nunha mesa redonda sobre cómic e ilustración.

Esperámosvos nestas dúas citas e en breve anunciaremos máis actividades para este verán xa que é inminente tamén unha nova edición de Viñetas desde o Atlántico, na que intentaremos estar un ano máis con stand propio.

martes, 18 de junio de 2013

"OPERARIO", DE JANO


Anunciamos oficialmente o lanzamento de "Operario", a nova obra de Jano. Unha historia sinxela e directa na que se narra a historia dun día calquera na vida dun operario de máquinas durante unha era industrial de entorno atemporal. Un album de temática social que reflicte dalgún xeito as diferenzas que marcan o panorama laboral do século XIX, do XX ou do XXI.
Comedia, aventura e drama social son a mestura ideal para esta historia muda que abrirá a nosa nova colección Demográfica, destinada a libros de pequeno formato onde as imaxes pesarán por riba das palabras. O album estará á venta o 1 de agosto e será presentado na próxima edición do Viñetas, en A Coruña, a semán do 5 ao 11.

Sobre o autor
Jano é un habitual da escena da BD galega, a súa primeira obra profesional de cómic foi "Nieve Negra" (1999-2000), desde entón ten colaborado en diversas publicacións de todo o Estado ("Buen Provecho", "Tos", "BD Banda") e en varias exposicións colectivas. Cofundou e participou no colectivo Polaqia (2001-2002) con dúas historias na colectánea "Mmmh!!" e co título propio "Patricia". Colaborou na obra colectiva "Tapa Roja" (Sinsentido, 2004) e participa en diversos fanzines ("Fanzine Enfermo", "Carne Líquida"), logo chegaron os albumes "Layka" (Cabezabajo Ediciones, 2005), "Centoloman" (Rei Zintolo, 2009), Ratoon (Bang Ediciones, 2010) e 3x1 (Polaquia, 2012).

miércoles, 12 de junio de 2013

PRESENTACIÓN DE "CASTELAO 3. MÁIS ALÁ!" EN LALÍN

O vindeiro venres 14 de Xuño, ás 8 da tarde, a libraría VAGALUME, en Lalín, acollerá a Inacio e a Iván Suárez. para presentar o terceiro volume da Colección Castelao recentemente saído ao mercado. levate o teu Castelao customizado a casa e disfruta da festa. Haberá de beber e de picar para tódolos asistentes! Non faltes!


viernes, 10 de mayo de 2013

CASTELAO. MÁIS ALÁ!


O Día das Letras Galegas chega a terceira entrega da Colección Castelao ás librarías. Adiantamos información sobre o lanzamento que vai a arrasar con todo nas librarías galegas. 


CASTELAO. MÁIS ALÁ!
Inacio • Iván Suárez
17x24 con lapelas de 7 cm
64 páxinas, Branco e negro
PVP 12 euros

ISBN: 978-84-940349-5-4 
Depósito legal: C 751-2013

A serie Castelao, á que pertencen con este os volumes O pobre tolo e Titoán, ofrece un excepcional achegamento á vida de Afonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 – Bos Aires, 1950). Unha aproximación máis humana que simbólica, mítica ou académica, baseada no rigor histórico e na riqueza contextual, que non esquece a pulsión onírica e humorística presente de forma clara no seu legado. 
Máis alá!, o terceiro dos libros que compoñen o ambicioso proxecto de Inacio no guión e Iván Suárez no debuxo, lévanos ás lembranzas de Castelao sobre a súa viaxe europea de 1921, coas súas continúas visitas aos museos, e os seus encontros co filósofo Bergson, o pintor Corredoira e o músico Manuel Quiroga, entre outros, que permiten entender algúns dos seus posicionamentos éticos e estéticos.
O segundo volume desta serie, Titoán, obtivo precisamente o Premio Castelao de Banda Deseñada 2011, outorgado pola Deputación da Coruña. 

PRESENTACIÓN PREVIA EN KOMIC LIBRERÍA
Un día antes da saída oficial celebraremos este lanzamento en Komic Librería, os nosos compañeiros de viaxe nesta aventura de colección. Para o acto contaremos coa presenza dos autores e o fantástico sorteo dunha páxina orixinal da bd. Esperamos que vós acheguedes e o disfrutedes.



miércoles, 8 de mayo de 2013

XA CHEGA!! CASTELAO III. MÁIS ALÁ!

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, se distribuirá en toda Galicia a terceira entrega da Serie Castelao, na que os autores Inacio e Iván Suárez abordan en formato banda deseñada a biografía do multifacético rianxeiro. O album editarase unha vez máis coa colaboración de Komic Libraría, compañeiros de viaxe nesta aventura de colección sen precedentes na BD galega.

A finais desta semán desvelaremos máis detalles sobre esta terceira entrega que nestes momentos xa está en proceso de impresión e que será presentada uns días antes da súa saída oficial ao mercado, na propia libraría Komic, en Santiago.



lunes, 6 de mayo de 2013

O CARRO DA MAFIA APARCARÁ EN LALÍN


Os autores Manolo L. Poy e Miguel Fernández, aparcarán o vindeiro venres 10 de maio en Lalín para dar unha charla aos alumnos do IES Ramón María Aller sobre a súa obra "Os días do cometa" e esa mesma tarde presentarán a novela gráfica na libraría Vagalume ás 19:00h cunha sesión de sinaturas onde Miguel Fernández promete debuxar aos asistentes os mellores coches utilizados nas fuxidas dos anos 80.



lunes, 29 de abril de 2013

O COMETA REGRESA EN MAIO!!

Nestes tempos sembrados de delincuencia a tódolos niveis, Manolo López Poy e Miguel Fernández teñen prevista una serie de atracos para as dúas primeiras semanas de maio. Preparade as carteiras e non deixedes de pasar por Libraría Paz (Pontevedra), Libraría Totem (Lugo) e Pub Cómic (Sarria). Se estades presentes nestes actos delictivos sairedes con 13,50 euros menos no voso peto, maís alomenos recibiredes a cambio unha historia negra 100% que retrata sen remilgos a corrupción na Galiza dos 80, asinada e customizada cun violento debuxo de puño e letra dos autores.
MANOS ARRIBA ISTO É UN AGASALLO!!


lunes, 22 de abril de 2013

A EXPOSICIÓN SOBRE "A TORRE DOS MOUROS" VISITA CAMBRE

Mañá, 23 de abril, Día Internacional do Libro, inaugúrase a exposición de making off da BD "A Torre dos Mouros" na Biblioteca Central de Cambre, onde permañecerá parte de maio. A mostra reune 25 pranchas de lápiz, tinta, reproduccións dixitais, story-boards, etc; que amosan parte do proceso de produción do comic-book realizado por Manel Cráneo co asesoramento do arqueólogo Antón Malde, director da excavación que se reflicte no cómic, e do xornalista e historiador Manuel Gago.
Esta obra editada por Demo amosa a vida e costumes da poboación de Lira-Carnota na Alta Idade Media, durante as invasións normandas nunha fortificación excavada o pasado verán grazas aos mencionados directores de proxecto e un gran grupo de voluntarios da zona, apoiados polo propio Concello de Carnota. A produción da banda deseñada contou con apoio da Xunta. Dita mostra terá lugar durante o programa Abril Ilustrado das Bibliotecas de Cambre, onde o propio autor impartirá varios obradoiros de iniciación ao cómic para escolares.

miércoles, 3 de abril de 2013

UN BANDIDO QUE XA NON MORRERÁ NO OLVIDO

"O FILLO DA FURIA", a obra coa que Manolo López Poy e Miguel Fernández rescataron a figura de Mamed Casanova, o derradeiro bandoleiro romántico, percorre de novo as librarías galegas coa súa segunda edición. Unha desas historias que reafirman que a realidade supera a ficción e que hai personaxes históricos condenados ao malditismo que son reacios a morrer esquecidos no olvido. Aínda non o leíches?

domingo, 17 de marzo de 2013

O COMETA HALLEY CRUZA DE NOVO GALICIA!!



Traémosvos un marzo negro, negro, negro. A nova novela gráfica de Manolo López Poy e Miguel Fernández, primeira bd sobre corrupción e drogas en Galicia, chega este mércores ás librarías.
Este venres 22 de marzo, primeira presentación oficial do album en Komic Librería de Santiago.
Lembramos que da man deste lanzamento, aparece tamén a segunda edición de "Mamed Casanova. O fillo da furia", un hit de Demo Editorial asinado polos mesmos autores. Se non o tedes aínda xa estades tardando. Disfrutadeos!


jueves, 7 de marzo de 2013

NOVIDADES DEMO EDITORIAL NAS LIBRARÍAS EN MARZO


‘OS DÍAS DO COMETA’ e ‘MAMED CASANOVA: O FILLO DA FURIA’ (2.ª edición),
de Manolo López Poy e Miguel Fernández


OS DÍAS DO COMETA
Manolo López Poy e Miguel Fernández
100 páxinas, branco e negro
Medidas: 17 × 24 cm
Encadernación rústica con lapelas de 12 cm
PVP: 13,50 euros
ISBN: 978-84-940349-4-7


MAMED CASANOVA: O FILLO DA FURIA  (2.ª edición)
Manolo López Poy e Miguel Fernández
104 páxinas, branco e negro
Medidas: 17 × 24 cm
Encadernación rústica con lapelas de 12 cm
PVP: 13,50 euros
ISBN: 978-84-936993-1-4



            Demo Editorial lanzará á venda o 20 de marzo Os días do cometa, nova novela gráfica do guionista e xornalista Manolo López Poy e o debuxante Miguel Fernández. Como xa fixeran na súa anterior obra, Mamed Casanova: O fillo da furia —cuxo éxito fai que chegue agora a súa segunda edición—, abordan o mundo do crime e a delincuencia en Galicia.
            Para esta ocasión, a acción sitúase no rural galego dos anos 80, onde catro amigos da infancia, con roles ben diferentes, conflúen nunha espiral de corrupción e narcotráfico que os levará a un final rotundo.
            O paso do cometa Halley é o pano de fondo para un sólido traballo de ambientación na década dos oitenta, que xera unha fría escenografía, nada nostálxica, nesta obra para adultos. Os días do cometa contén todos os elementos necesarios para construír unha auténtica crónica negra. Isto vén reforzado pola experiencia xornalística do seu guionista e o gusto polo xénero policial de ambos os autores.
            Por outra banda, é a primeira vez que na banda deseñada galega se abordan temas como a prostitución, o narcotráfico e a corrupción no rural galego de hai case tres décadas. Novamente, Manolo López Poy e Miguel Fernández constrúen unha obra valente, transgresora e dura que os reafirma como máximos expoñentes da BD de xénero negro en Galicia.

XIRA DE PRESENTACIÓNS
Demo Editorial está xa a coordinar unha xira de presentacións con sesións de sinaturas dos autores por diversas localidades galegas entre os meses de marzo e abril. A primeira cita será o venres 22 de marzo en Komic Librería (Santiago de Compostela) co libro quentiño e acabado de saír á venda.


OS AUTORES

Manolo López Poy. É de Sarria (Lugo); marchou a Madrid a estudar xornalismo, e alí exerceu durante moitos anos ese oficio. Despois viñeron xornais, radios e televisións en Andalucía, Galicia e Cataluña. Ultimamente traballa como periodista freelance para revistas de música, viaxes e motor. É director do documental La frontera de papel: cinco historias de nostalgia y esperanza. Publicou o libro Camino a la libertad: historia social del blues, codirixe o programa de radio Bad Music Blues. Dá conferencias sobre novela negra, cómic e cultura da discapacidade.

Miguel Fernández Vázquez. Nacido en Baralla (Lugo), estudou deseño gráfico na Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón, de Lugo, ademais de realización de audiovisuais na Escuela Superior de Imagen y Sonido CES (Madrid), e cinema de animación e debuxos animados na ECAM (Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid). Colaborou na realización da curtametraxe de animación en 2D Teatro mágico.Traballou para Animagic Studio nos filmes Los tres Reyes Magos, O Cid e Jester Till. No ano 2004 acadou o premio ao mellor cómic de xénero negro na sexta edición do Festival Internacional de Cinema Negre de Manresa (Fecinema), pola obra Yo no trabajo gratis.

Xuntos publicaron en 2010 a novela gráfica Mamed Casanova: O fillo da furia (Demo Editorial), que sería traducida a castelán o ano seguinte baixo o título de El hijo de la ira (Diábolo Ediciones/Demo Editorial). A obra recrea a biografía do bandoleiro homónimo, natural de Ortigueira, perseguido pola Garda Civil a primeiros do século XX e mitificado polas plumas de Emilia Pardo Bazán e Valle-Inclán, entre outros. Un antiheroe contra o sistema da súa época, que foi protagonista dos xornais e que acabou no esquecemento colectivo ata ser a súa figura rescatada nesta obra. Recentemente, os autores colaboraron tamén nunha BD curta de ciencia ficción para a revista de fantasía Cthulhu.