lunes, 29 de abril de 2013

O COMETA REGRESA EN MAIO!!

Nestes tempos sembrados de delincuencia a tódolos niveis, Manolo López Poy e Miguel Fernández teñen prevista una serie de atracos para as dúas primeiras semanas de maio. Preparade as carteiras e non deixedes de pasar por Libraría Paz (Pontevedra), Libraría Totem (Lugo) e Pub Cómic (Sarria). Se estades presentes nestes actos delictivos sairedes con 13,50 euros menos no voso peto, maís alomenos recibiredes a cambio unha historia negra 100% que retrata sen remilgos a corrupción na Galiza dos 80, asinada e customizada cun violento debuxo de puño e letra dos autores.
MANOS ARRIBA ISTO É UN AGASALLO!!


lunes, 22 de abril de 2013

A EXPOSICIÓN SOBRE "A TORRE DOS MOUROS" VISITA CAMBRE

Mañá, 23 de abril, Día Internacional do Libro, inaugúrase a exposición de making off da BD "A Torre dos Mouros" na Biblioteca Central de Cambre, onde permañecerá parte de maio. A mostra reune 25 pranchas de lápiz, tinta, reproduccións dixitais, story-boards, etc; que amosan parte do proceso de produción do comic-book realizado por Manel Cráneo co asesoramento do arqueólogo Antón Malde, director da excavación que se reflicte no cómic, e do xornalista e historiador Manuel Gago.
Esta obra editada por Demo amosa a vida e costumes da poboación de Lira-Carnota na Alta Idade Media, durante as invasións normandas nunha fortificación excavada o pasado verán grazas aos mencionados directores de proxecto e un gran grupo de voluntarios da zona, apoiados polo propio Concello de Carnota. A produción da banda deseñada contou con apoio da Xunta. Dita mostra terá lugar durante o programa Abril Ilustrado das Bibliotecas de Cambre, onde o propio autor impartirá varios obradoiros de iniciación ao cómic para escolares.

miércoles, 3 de abril de 2013

UN BANDIDO QUE XA NON MORRERÁ NO OLVIDO

"O FILLO DA FURIA", a obra coa que Manolo López Poy e Miguel Fernández rescataron a figura de Mamed Casanova, o derradeiro bandoleiro romántico, percorre de novo as librarías galegas coa súa segunda edición. Unha desas historias que reafirman que a realidade supera a ficción e que hai personaxes históricos condenados ao malditismo que son reacios a morrer esquecidos no olvido. Aínda non o leíches?

domingo, 17 de marzo de 2013

O COMETA HALLEY CRUZA DE NOVO GALICIA!!



Traémosvos un marzo negro, negro, negro. A nova novela gráfica de Manolo López Poy e Miguel Fernández, primeira bd sobre corrupción e drogas en Galicia, chega este mércores ás librarías.
Este venres 22 de marzo, primeira presentación oficial do album en Komic Librería de Santiago.
Lembramos que da man deste lanzamento, aparece tamén a segunda edición de "Mamed Casanova. O fillo da furia", un hit de Demo Editorial asinado polos mesmos autores. Se non o tedes aínda xa estades tardando. Disfrutadeos!


jueves, 7 de marzo de 2013

NOVIDADES DEMO EDITORIAL NAS LIBRARÍAS EN MARZO


‘OS DÍAS DO COMETA’ e ‘MAMED CASANOVA: O FILLO DA FURIA’ (2.ª edición),
de Manolo López Poy e Miguel Fernández


OS DÍAS DO COMETA
Manolo López Poy e Miguel Fernández
100 páxinas, branco e negro
Medidas: 17 × 24 cm
Encadernación rústica con lapelas de 12 cm
PVP: 13,50 euros
ISBN: 978-84-940349-4-7


MAMED CASANOVA: O FILLO DA FURIA  (2.ª edición)
Manolo López Poy e Miguel Fernández
104 páxinas, branco e negro
Medidas: 17 × 24 cm
Encadernación rústica con lapelas de 12 cm
PVP: 13,50 euros
ISBN: 978-84-936993-1-4



            Demo Editorial lanzará á venda o 20 de marzo Os días do cometa, nova novela gráfica do guionista e xornalista Manolo López Poy e o debuxante Miguel Fernández. Como xa fixeran na súa anterior obra, Mamed Casanova: O fillo da furia —cuxo éxito fai que chegue agora a súa segunda edición—, abordan o mundo do crime e a delincuencia en Galicia.
            Para esta ocasión, a acción sitúase no rural galego dos anos 80, onde catro amigos da infancia, con roles ben diferentes, conflúen nunha espiral de corrupción e narcotráfico que os levará a un final rotundo.
            O paso do cometa Halley é o pano de fondo para un sólido traballo de ambientación na década dos oitenta, que xera unha fría escenografía, nada nostálxica, nesta obra para adultos. Os días do cometa contén todos os elementos necesarios para construír unha auténtica crónica negra. Isto vén reforzado pola experiencia xornalística do seu guionista e o gusto polo xénero policial de ambos os autores.
            Por outra banda, é a primeira vez que na banda deseñada galega se abordan temas como a prostitución, o narcotráfico e a corrupción no rural galego de hai case tres décadas. Novamente, Manolo López Poy e Miguel Fernández constrúen unha obra valente, transgresora e dura que os reafirma como máximos expoñentes da BD de xénero negro en Galicia.

XIRA DE PRESENTACIÓNS
Demo Editorial está xa a coordinar unha xira de presentacións con sesións de sinaturas dos autores por diversas localidades galegas entre os meses de marzo e abril. A primeira cita será o venres 22 de marzo en Komic Librería (Santiago de Compostela) co libro quentiño e acabado de saír á venda.


OS AUTORES

Manolo López Poy. É de Sarria (Lugo); marchou a Madrid a estudar xornalismo, e alí exerceu durante moitos anos ese oficio. Despois viñeron xornais, radios e televisións en Andalucía, Galicia e Cataluña. Ultimamente traballa como periodista freelance para revistas de música, viaxes e motor. É director do documental La frontera de papel: cinco historias de nostalgia y esperanza. Publicou o libro Camino a la libertad: historia social del blues, codirixe o programa de radio Bad Music Blues. Dá conferencias sobre novela negra, cómic e cultura da discapacidade.

Miguel Fernández Vázquez. Nacido en Baralla (Lugo), estudou deseño gráfico na Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón, de Lugo, ademais de realización de audiovisuais na Escuela Superior de Imagen y Sonido CES (Madrid), e cinema de animación e debuxos animados na ECAM (Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid). Colaborou na realización da curtametraxe de animación en 2D Teatro mágico.Traballou para Animagic Studio nos filmes Los tres Reyes Magos, O Cid e Jester Till. No ano 2004 acadou o premio ao mellor cómic de xénero negro na sexta edición do Festival Internacional de Cinema Negre de Manresa (Fecinema), pola obra Yo no trabajo gratis.

Xuntos publicaron en 2010 a novela gráfica Mamed Casanova: O fillo da furia (Demo Editorial), que sería traducida a castelán o ano seguinte baixo o título de El hijo de la ira (Diábolo Ediciones/Demo Editorial). A obra recrea a biografía do bandoleiro homónimo, natural de Ortigueira, perseguido pola Garda Civil a primeiros do século XX e mitificado polas plumas de Emilia Pardo Bazán e Valle-Inclán, entre outros. Un antiheroe contra o sistema da súa época, que foi protagonista dos xornais e que acabou no esquecemento colectivo ata ser a súa figura rescatada nesta obra. Recentemente, os autores colaboraron tamén nunha BD curta de ciencia ficción para a revista de fantasía Cthulhu.

miércoles, 27 de febrero de 2013

VOLVE "MAMED CASANOVA: O FILLO DA FURIA"

Levabamos xa arredor dun ano coa primeira edición esgotada e agardando a ocasión para relanzalo. Mamed Casanova: O fillo da furia, é indudablemente un hit en Demo Editorial. A primeira novela gráfica de xénero negro ambientada en Galicia e que conta a historia do bandido Mamed Casanova, natural de Grañas de Sor (Ortigueira). Agora volta coa súa segunda edición para acompañar a saída da nova novela gráfica dos seus autores, o xornalista Manolo López Poy e o debuxante Miguel Fernández. A vindeira semán daremos información oficial e máis detallada sobre a súa nova obra Os días do cometa.


lunes, 11 de febrero de 2013

PRESENTACIÓN E EXPO DE ORIXINAIS DE "CASTELAO:TITOÁN" EN LALÍN


Proseguimos con novas actividades para este mes de febreiro. Esta vez tócalle o turno á obra "Titoán" de Inacio Vilariño e Iván Suárez. O venres 15 de febreiro, presentación do libro e inauguración da expo con orixinais da obra no Café de Mili en Lalín. Na presentación, debuxante e guinista, estarán acompañados por Gracia Santorum. Fárase tamén unha lectura dalgunha pasaxe da obra, instrumentada por Benxa Otero. Para finalizar haberá tamén sesión de sinaturas dos autores. Non perdades a ocasión de achegarvos a esta obra premiada e apreciada pola crítica.

A colección Castelao pretende abarcar os diferentes momentos da vida do comprometido polifacético galego. Polo de agora van dous títulos publicados e os autores xa están a traballar no terceiro, que verá á luz no presente ano 2013 e que editaremos novamente coa colaboración de Komic Librería.

sábado, 19 de enero de 2013

CANCELADA PRESENTACIÓN DESTA MAÑÁN EN METRÓPOLIS CÓMIC EN FERROL!!

Cancelamos por causa do forte temporal que nós impide coller a estrada. Xa temos nova data, será o venres 8 de febreiro ás 19.30h. Graciñas pola comprensión.

viernes, 11 de enero de 2013

MANEL CRÁNEO VISITARÁ KÓMIC E METRÓPOLIS


Comezamos o ano con novas presentacións. Doblete de Manel Cráneo o 18 e 19 de xaneiro nas librarías Komic de Santiago e Metrópolis de Ferrol. O autor asinará exemplares das súas últimas publicacións mentras ultima xa o seu próximo album "Destino Hërgüss", ambientado no seu universo particular Planeta Mincha e que verá a luz ao longo deste ano, con certo retraso sobre o previsto. A obra editarase dentro da nosa colección HäinöS de fantasía e ciencia ficción.

Pero a de Santiago e Ferrol non serán as súas únicas presentacións este mes, o sábado 26 de xaneiro voltará cunha charla sobre a "A Torre dos Mouros" na Fundación Wenceslao Fernández Flórez. Unha cita indispensable nun lugar máxico na que o autor estará acompañado por Manuel Gago e Antón Malde, responsables e directores do proxecto arqueolóxico no que está baseado o cómic.