‘OS DÍAS DO COMETA’ e ‘MAMED CASANOVA: O FILLO DA FURIA’ (2.ª edición),
de Manolo López Poy e Miguel Fernández
OS DÍAS DO COMETA
Manolo López Poy e Miguel Fernández
100 páxinas, branco e negro
Medidas: 17 × 24 cm
Encadernación rústica con lapelas de 12 cm
PVP: 13,50 euros
ISBN: 978-84-940349-4-7
MAMED CASANOVA: O FILLO DA FURIA (2.ª edición)
Manolo López Poy e Miguel Fernández
104 páxinas, branco e negro
Medidas: 17 × 24 cm
Encadernación rústica con lapelas de 12 cm
PVP: 13,50 euros
ISBN: 978-84-936993-1-4
Demo Editorial lanzará á venda o 20 de marzo Os días do cometa, nova novela gráfica do guionista e xornalista Manolo López Poy e o debuxante Miguel Fernández. Como xa fixeran na súa anterior obra, Mamed Casanova: O fillo da furia —cuxo éxito fai que chegue agora a súa segunda edición—, abordan o mundo do crime e a delincuencia en Galicia.
Para esta ocasión, a acción sitúase no rural galego dos anos 80, onde catro amigos da infancia, con roles ben diferentes, conflúen nunha espiral de corrupción e narcotráfico que os levará a un final rotundo.
O paso do cometa Halley é o pano de fondo para un sólido traballo de ambientación na década dos oitenta, que xera unha fría escenografía, nada nostálxica, nesta obra para adultos. Os días do cometa contén todos os elementos necesarios para construír unha auténtica crónica negra. Isto vén reforzado pola experiencia xornalística do seu guionista e o gusto polo xénero policial de ambos os autores.
Por outra banda, é a primeira vez que na banda deseñada galega se abordan temas como a prostitución, o narcotráfico e a corrupción no rural galego de hai case tres décadas. Novamente, Manolo López Poy e Miguel Fernández constrúen unha obra valente, transgresora e dura que os reafirma como máximos expoñentes da BD de xénero negro en Galicia.
XIRA DE PRESENTACIÓNS
Demo Editorial está xa a coordinar unha xira de presentacións con sesións de sinaturas dos autores por diversas localidades galegas entre os meses de marzo e abril. A primeira cita será o venres 22 de marzo en Komic Librería (Santiago de Compostela) co libro quentiño e acabado de saír á venda.
OS AUTORES
Manolo López Poy. É de Sarria (Lugo); marchou a Madrid a estudar xornalismo, e alí exerceu durante moitos anos ese oficio. Despois viñeron xornais, radios e televisións en Andalucía, Galicia e Cataluña. Ultimamente traballa como periodista freelance para revistas de música, viaxes e motor. É director do documental La frontera de papel: cinco historias de nostalgia y esperanza. Publicou o libro Camino a la libertad: historia social del blues, codirixe o programa de radio Bad Music Blues. Dá conferencias sobre novela negra, cómic e cultura da discapacidade.
Miguel Fernández Vázquez. Nacido en Baralla (Lugo), estudou deseño gráfico na Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón, de Lugo, ademais de realización de audiovisuais na Escuela Superior de Imagen y Sonido CES (Madrid), e cinema de animación e debuxos animados na ECAM (Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid). Colaborou na realización da curtametraxe de animación en 2D Teatro mágico.Traballou para Animagic Studio nos filmes Los tres Reyes Magos, O Cid e Jester Till. No ano 2004 acadou o premio ao mellor cómic de xénero negro na sexta edición do Festival Internacional de Cinema Negre de Manresa (Fecinema), pola obra Yo no trabajo gratis.
Xuntos publicaron en 2010 a novela gráfica Mamed Casanova: O fillo da furia (Demo Editorial), que sería traducida a castelán o ano seguinte baixo o título de El hijo de la ira (Diábolo Ediciones/Demo Editorial). A obra recrea a biografía do bandoleiro homónimo, natural de Ortigueira, perseguido pola Garda Civil a primeiros do século XX e mitificado polas plumas de Emilia Pardo Bazán e Valle-Inclán, entre outros. Un antiheroe contra o sistema da súa época, que foi protagonista dos xornais e que acabou no esquecemento colectivo ata ser a súa figura rescatada nesta obra. Recentemente, os autores colaboraron tamén nunha BD curta de ciencia ficción para a revista de fantasía Cthulhu.
Estupenda nova. Parabéns!
ResponderEliminarGraciñas, esperamos que sexa disfrutado ;-)
ResponderEliminar