miércoles, 11 de diciembre de 2013

APERTURA TENDA DEMO EDITORIAL/CONSULADO PLANETA MINCHA


Temos o pracer de anunciar xa con detalle á apertura da tenda Demo Editorial e Consulado do Planeta Mincha.

O acto celebrarase o vindeiro VENRES 13 ás 20:00 h —nin antes nin despois— na rúa Gramela, 23 baixo (15010 A Coruña). Contaremos coa presenza do director da editorial e Cónsul do Planeta Mincha, Manel Cráneo, e dalgún outro delegado abducido polo Ministerio de Ciencia de dito planeta.

Para a ocasión haberá con numerosas ofertas de souvenirs da cultura mincha e, naturalmente, o catálogo completo de banda deseñada de autores galegos de Demo Editorial.

No noso espazo atoparás produtos nunha ampla gama de prezos, desde 0,50 ata 750 euros. Por exemplo, pezas orixinais, arte e artesanía mincha, xoguetes de papel, series limitadas de láminas, coleccións de adhesivos, pezas en volume en diferentes formatos e técnicas, series de chapas, figuriñas e unha morea de produtos que farán as ledicias dos padais máis exquisitos durante este Nadal.

Os produtos estrela do Planeta Mincha PACK LüMINNIK e PACK CARTöNNÍK serán presentados en exclusiva no acto e terán tamén unha edición limitada.

O acto de interrelación entre ambas culturas contará coa participación de varios e recoñecidos músicos coruñeses como Fernando Esclusa, Fran Castro, José Bonham e Luís Tinaquero. Servirase un viño tinto da rexión de Vërdia aos asistentes e algunha tortilla de ovos de popöllo do norte de Longölia. 

SOBRE A TENDA DEMO-CONSULADO PLANETA MINCHA
Un proxecto sen precedentes
Unha das particularidades deste proxecto é que atenta directamente contra o sistema comercial establecido O seu director e cónsul anunciará a data exacta de clausura no propio acto de apertura. O propio negocio é unha chamada de atención para reivindicar novas fórmulas e alternativas para os mercados culturais.

Series limitadas para días limitados
Durante o espazo de tempo que a tenda-consulado permaneza aberta, será tamén un espazo multidisciplinar; imos desenvolver diferentes actividades de dinamización da cultura e animación á lectura, tanto para público xeral e para profesionais.

Dentro dese contexto enmarcamos dúas clases maxistrais con dous grandes autores, Pinturero (Madrid) e Fran Bueno (Compostela), dentro do ciclo DEMOstracións Gráficas (preme no título para consultar o programa). Para a primeira sesión, que decorrerá este sábado, 14 de decembro, quedan prazas contadas.

Proximamente anunciaremos novas actividades.

Esperamos contar coa túa presenza e que veñas con cartos no peto se queres marchar feliz, porque co viño non che vai chegar.

DEMO EDITORIAL / CONSULADO PLANETA MINCHA XöP

A Coruña, 11 de decembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario