viernes, 22 de noviembre de 2013

DEMO EDITORIAL E PLANETA MINCHA ABRIRÁN UNHA TENDA SEN PRECEDENTES

SERÁ UN PROXECTO SEN PRECEDENTES, UN NOVO CONCEPTO DE NEGOCIO, A PRIMEIRA TENDA EFÉMERA. 
Así o declara o cónsul do Planeta Mincha e director de Demo, Manel Cráneo.


O vindeiro venres 13 de decembro abrirá a tenda oficial de DEMO EDITORIAL en A Coruña. Pero iso non é todo, Demo asinou unha alianza có Ministerio de Ciencia do Planeta Mincha para compartir esta tenda có consulado de dito planeta na Terra. O consulado venderá souvenirs do seu planeta nun intento de facer promoción cultural e turística do mesmo. Existe vida extraterrestre? Xa tedes a resposta.

UNHA MORTE ANUNCIADA
Segundo conta Cráneo: "DEMO EDITORIAL e PLANETA MINCHA CONSULADO XÖP, non vai ser unha tenda ao uso. En principio a idea non é adaptarse ao sistema comercial senón máis ben adaptarse ás propias necesidades do noso proxecto e filosofía de vida, algo que nace nuns tempos onde o sistema capitalista e comercial está demostrando ser un gran fiasco e polo tanto un gran fracaso."
Por esta razón, o Cónsul do Planeta Mincha e director de Demo Editorial, anunciará a data de clausura da tenda o mesmo día da súa inauguración. Todo isto dentro dunha extratexia extraterrestre que nace como alternativa ao típico negocio terrestre de toda a vida. 
"Non queremos morrer con isto, temos moitos proxectos máis en marcha. Esta tenda imos matala nós mesmos antes de que a destrúa o sistema", puntualiza Cráneo; "En calquera caso somos quen de matar e resucitalo noso propio proxecto as veces que estimemos oportuno."

REFERENZAS DA TENDA
Na tenda haberá produtos propios da editorial e do Planeta Mincha, e en moitos casos exclusivos, xa que o público atopará pezas únicas que non están á venta en ningunha outra parte do globo terráqueo. 
Os clientes que se acheguen poderán levarse a casa, ademáis de publicacións, pezas de arte ou artesanía do Planeta Mincha, cadros, figuras en volume, peluches, chapas, láminas e en xeral autoprodución da empresa Demo e da marca Planeta Mincha. 

DINAMIZACIÓN DO ESPAZO OU GALAXIA
Será un espazo divertido, diferente e innovador. Un proxecto onde durante o seu tempo de apertura haberá momentos tanto para o disfrute dos propios clientes como do sector profesional.
En breve, faráse unha programación onde haberá lugar para presentacións, tertulias, obradoiros, encontros con lectores ou masterclass con ilustradores profesionais da banda deseñada e a ilustración.

Estade atentos. Nos vindeiros días chegará nova información sobre este particular proxecto.


1 comentario: